Formación en rede

As túas migas de aprendizaxe en Internet!

Unha das mellores cousas que ten o noso traballo docente é a experiencia de aprender ensinando. Descubrir recursos novos fai que fixemos os coñecementos ou que descubramos novos xeitos de transmitilos. Porque todas as persoas docentes que se enfrontan a esta artesanal tarefa saben que non é tan sinxelo comunicar coñecementos, contextos ou motivacións.

Esta vez descubrimos un Kit básico para utilizar as TIC nas aulas. A verdade o título pareceunos moi atractivo e apto para captar ao posible alumnado na tarefa de combater o medo como profes. Medo ao que nos enfrontamos cada día con novidades e retos diferentes. Mais foi un vídeo que aparecía no final desta web o que máis chamou a nosa atención.

O vídeo do que vos falamos está presentado de xeito moi sinxelo e a súa intención é a de axudármonos para traballar sobre o noso Propio camiño de aprendizaxe en Internet. O vídeo xira ao redor dos PLEs, que sinxelamente son entornos de aprendizaxe en Internet que imos creando para o noso aproveitamento e o do noso alumando.

O camiño de autoaprendizaxe que imos creando ao longo da vida está agora tamén en Internet. E si, está para todos e todas, a quen lle parece que si e a quen lle parece que non, aínda que como asegura Jordi Adell na presentación uns sexan máis residentes e outros máis visitantes.

E neste punto gustaríame determe porque moito do profesorado co que traballamos pensa que a súa actividade na rede non había ser útil se se coñecese. É dicir, se se coñecesen os recursos que utilizan, que cousas len na rede, etc. Pero gustaríanos dicirlles que pensamos que podería ser moi interesante e produtivo. Interesante para aforrar tempos de xente que vén detrás, para devolver á comunidade da Internet o mesmo que estamos collendo dela.

Moito do profesorado co que traballamos pensa que non pode estar aí porque non ten un blog, porque non crea materiais para o alumnado, etc. E nós dicímoslle que teñen o seu lugar na rede e que poden buscalo: compartindo ligazóns, achegando comentarios en redes, compartindo lecturas e reflexións…. Non fai falla programar aplicacións ou facer xogos serios para deixar as nosos migas na rede para compartir, senón que son moitas as utilidades que podemos atopar en información que outras persoas deixan organizada.

O que si pode ser importante para engadir ao que se nos conta sobre os PLEs é que cada quen ten que realizar unha viaxe propia. Se non me gusta facer blogs non teño porque facelos xa que hai mil cousas máis para facer aí. Cada quen fará o mellor posible a través dun perfil que se identifique coas súas capacidades e potencialidades reais. E, a verdade, como nos din no vídeo, o mellor será primeiro pensalo ben, planificalo e finalmente actuar. Actuar, sobre todo, fará que nos realimentemos e nos sintamos con forza no noso proceso de aprendizaxe neste medio.


20 Xaneiro, 2015

0 Respuestas en As túas migas de aprendizaxe en Internet!"