Formación en rede

Elearning de calidade, depende de nós!

Educación do futuro: 50 elearning e 50 presencial?

Máis aló do xuízo rápido e evidente do crecemento do elearning, pode ser xa o momento de avaliar ata onde nos levou a febre dixital en canto ao fenómeno educativo en Internet. Se aplicamos unha sinxela observación e o máis escaso sentido común podemos manexar argumentos que falan a un tempo do éxito e do fracaso do elearning como podemos tamén falar do éxito e do fracaso da formación presencial por moitas e moi diversas razóns.

Cando falamos das razóns que levan ao fracaso ou éxito de modelos educativos estamos a falar de contexto histórico, de limitación económica, da imposibilidade en definitiva de outorgar o protagonismo, dignidade e calidade que deberían ter as accións formativas por regra xeral. Falamos dun contexto de cambio profundo a nivel mundial e local, onde o centro do mundo deixa de ser Europa e USA para deixar paso a outros protagonistas en educación, sinalados xa no Informe PISA 2016, onde podemos ir da man de Verne a Singapur, un estado dos pequenos e plurilingüe, que destaca en todos os ránkings da educación.

Claro que calquera obxectivo pode converterse en difícil de acadar nestes últimos tempos polo empobrecemento do sector educativo e formativo, tanto en prestixio social como en percepción de recursos ben organizados ou produtivos, por dicilo dalgún xeito. E senón vexamos de novo nos informes como, por exemplo, Finlandia, con investimentos educativos de primeira orde aparecen posteriormente reflectidos nas fotos fixas do mapa educativo en postos destacados.

Para falarmos de educación tanto elearning como presencial temos que falar dun sector que se viu moi afectado na última crise económica e que tamén se viu moi afectado no actual contexto da emerxencia da alfabetización tecnolóxica, que mesmo ás veces semella desalfabetización tecnolóxica. E non me refiro, por suposto, á falta de utilidade desa formación senón á confusión que xera este universo de facilidades e avances enganosos que non sempre teñen as condicións para producirse.

Con todo este contexto ás costas sabemos que hai tendencias como esta que imos sinalar a continuación que nos parecerían imposibles hai uns anos:
No Estado español, segundo os últimos datos do Ministerio de Educación, algo máis de 122.000 alumnos estudan Bacharelato e Formación Profesional sen ir a clase. No referente á educación superior (grao e posgrao), hai 228.500 matriculados en universidades non presenciais. Isto non é nada, por suposto, se comparamos cos que aínda se sentan nos pupitres: 1.364.000 e 1.300.000, respectivamente.

E traballo con este exemplo porque moitos dos outros que existen como o aumento relevante de másters cursados por Internet e demais non son tan neutrais ou oficiais. E simplemente con este sinxelo dato observamos como un novo formato educativo se abre paso, nun contexto de crise e gran pauperización no formativo. Mais sexa como for o fenómeno está aí e depende de todos e todas nós conseguir que ese elearning se transforme nunha educación de calidade ao igual que moita da outra nova educación presencial coa que convivimos.

Se navegamos buscando información sobre o elearning haberá críticas para todos os gustos, quen considere este tipo de educación unha innovación disruptiva, quen fale da cantidade de formacións elearning en simple PDF nunha plataforma, quen critique os materias SCORM ou IMS que funcionan como píldoras que se van pasando, quen adore o material en vídeo, que pode chegar a ser tan incómodo, obsolescente ou tan pouco operativo como un PDF, etc. Todo será criticable, ao igual que na formación presencial porque, por suposto hai moitísimo por facer no ámbito educativo no xeral.

Pero o certo é que se queremos soñar con sistemas mellores o máis atinado será soñar con sistemas mixtos elearning e presencial mellorados, que vaian fuxindo desta crise educativa que vai desde o nacemento dos MOOCs nos USA diante da quebra do sistema universitario no que o alumando se hipotecaba para non conseguir traballo ata as tramas de corrupción con cursos bonificables no contexto estatal.

Se pretendemos achegar algo se cadra temos que facer unha industria de contidos seria, unha aposta coa que se identifica a UOC nas súas propostas e apostas no actual universo elearning. Se desexamos contribuír nesta aventura temos diante a difícil tarefa de crear materiais á altura dos tempos, tanto dixitais como analóxicos. Esta tarefa non semella doada, os tempos son esixentes pola saturación de consumo xeral na que vivimos, xa sexa en contidos formativos elearning, presenciais ou de formatos diversos. Vivimos neste risco crecente de manexar dispositivos, aplicacións e demais que ás veces non comprendemos. Mais con esforzo e vontade todo se pode comprender, todo se pode aprender e ensinar. Se cadra non é tan difícil alfabetizármonos en comunidade para sacar un maior proveito do fenómeno educativo, para crear sociedades máis ricas, cultivadas, libres e motivadas de xeito intelixente e con criterio.

0 Respuestas en Elearning de calidade, depende de nós!"