Formación en rede

Innovación tecnolóxica: a velocidade do cambio

A cantidade de cambios e adaptacións que precisa a día de hoxe calquera tipo de proxecto empresarial é enorme, xa que continuamente estamos a coñecer novos usos e aplicacións das tecnoloxías. Ademais esta continua innovación tecnolóxica arredor de calquera actividade produtiva implica un esforzo importante de vixilancia tecnolóxica para coñecer as innovacións nun sector determinado e cales destas innovacións poderían ser interesantes para o noso proxecto.

Termos como Internet das cousas, Intelixencia artificial, Big Data ou Industria 4.0 están hoxe presentes á hora de intentar definir unha correcta estratexia de desenvolvemento dun proxecto. Mais temos que ser prudentes coa innovación e coas diferentes frontes de desenvolvemento tecnolóxico máis presentes na actualidade. Non todas as innovacións tecnolóxicas triunfan nin todas as innovacións tecnolóxicas son interesantes desde un punto de vista produtivo para o noso proxecto nin desde un punto de vista ético.

Por exemplo, en moitas empresas implementáronse servizos de venda online coa tecnoloxía necesaria pero despois estes servizos, por múltiples factores, non se empregaron e quedaron no esquecemento. Isto sería unha mostra dun proxecto de innovación tecnolóxica fracasado.

Por outra parte, tamén teriamos que ver se socialmente a aplicación de certas innovacións pode ser positiva ou negativa. Calquera proxecto de economía social ten como trazo que o define a súa preocupación polo ben común e polo tanto terá que valorar as repercusións sociais dese uso tecnolóxico. Por exemplo, a cantidade de información que hoxe en día podemos manexar se, por un lado, achega vantaxes tamén precisa que nos deteñamos á reflexionar sobre aspectos como a privacidade ou a calidade da información que estamos a manexar.

Os proxectos de economía social precisan apoiarse na tecnoloxía e na innovación pero é necesario que os usos tecnolóxicos sexan interesantes para nós, que sexan correctamente deseñados e levados a cabo (por exemplo, acordes co tamaño do noso proxecto) e que ademais non teñan posibles efectos negativos a nivel social. Ao mellor a evidente velocidade do cambio é necesario saber conducila correctamente para que cando apliquemos calquera innovación sexa realmente produtiva. Innovación e tecnoloxía si pero correctamente orientadas.

14 Setembro, 2018

0 Respuestas en Innovación tecnolóxica: a velocidade do cambio"