Formación en rede

Que é a formación bonificada?

 

Hoxe imos publicar unha pequena entrevista á nosa compañeira e socia Mercedes Gómez, Graduada Social e con dilatada experiencia no asesoramento para a constitución e seguimento de novas empresas.

- [Iván, xestor de tecnoloxías en Tagen Ata] Ola Mercedes, quería facerche unhas preguntas relacionadas coa formación orientada a empresas, sobre todo sobre a formación bonificada.

- [Mercedes, Graduada Social] Ola Iván, bo día!

- [I] Ben, teño unhas dúbidas en relación á formación bonificada, que penso que sería interesante que compartísemos coas persoas que poidan ter interese en formarse empregando este tipo de formación, e deste xeito aproveitar este crédito. De feito, se non se emprega, pérdese, verdade?

- [M] Certo. Galicia, que é unha das CC.AA. que máis formación fai, só o 35% das empresas empregan este crédito. Coa nova reforma da formación de demanda (bonificada) as empresas de menos de 50 persoas traballadoras poden acumular saldo de un ano para outro, comentando esta reserva de saldo antes do mes de xuño.

- [I] Vaia, penso que esta “entrevista” vai ter puntos interesantes… Coido que un dos problemas cos que te enfrontas habitualmente son precisamente as dúbidas sobre a formación bonificada e como unha empresa se pode beneficiar de aplicar estes créditos para a formación dos seus empregados.

- [M] Pois si. O crédito para a formación bonificada ou de demanda que é o seu nome real, consiste nunha parte de diñeiro das cotización dos traballadores á Seguridade Social que o Estado permite que estas destinen á formación. As empresas, incluso as que naceron no final do ano pasado, con tal de ter un só traballador xa teñen un saldo mínimo para facer formación.

- [I] E que características ten, é dicir, se na miña empresa quero facer uso destes créditos, como e quen se pode bonificar? Como se sabe o crédito que pode ter unha empresa? Hai algún tipo de límite?

- [M] O primeiro estudar que necesidades reais de formación teñen os meus empregados para o desempeño do posto (actualizacións, tema TIC, marketing, atención ao cliente, xestión…).
O segundo contactar, buscar a oferta formativa que mellor encaixe e que a empresa se atope inscrita no SEPE como entidade organizadora/impartidora. Neste caso, podemos esixir que o acredite.
E en terceiro lugar asinar unha folla de Adhesión, que sen compromiso permitirá coñecer con canto saldo contamos para facer formación. Se a entidade seleccionada é seria, nos indicará mediante un informe actualizado o saldo co que conta nese momento.
Para finalizar, comprobaremos que todos os datos do informe son correctos coa entidade, é dicir a empresa que quere facer formación. A partir de aquí, xa é seguir o protocolo que nos indicará esta entidade organizadora. Gustaríame aproveitar para lembrar que para beneficiarnos da bonificación do curso é preciso rematar o 75% do mesmo e o curso estea correctamente pechado no aplicativo.

- [I] Xa para finalizar, unha última dúbida, os autónomos tamén se poden beneficiar disto?

- [M] Se teñen un traballador a cargo, ese traballador si, pero eles non. Polo de agora, pese a ser unha vella aspiración deste colectivo, non foi aprobada na Lei de Fomento do Traballo Autónomo, posto que non cotizan á Formación Profesional, cousa que si fai un traballador por conta allea. Os autónomos só poden recorrer a formación de Oferta para persoas ocupadas.

- [I] Ben, pois nada máis Mercedes, coido que polo menos as miñas dúbidas están aclaradas. Deixaremos abertos os comentarios por se alguén ten algunha dúbida ou quere facer algunha achega. Moitas grazas pola información!

- [M] Nada Iván, encantada de poder aclarar as túas dúbidas, que son máis habituais do que pensas. Desde Tagen Ata estaremos atentas a esas dúbidas e seguiremos axudando ás entidades que o desexen a xestionar o seu crédito para a formación. Saúdos!

23 Febreiro, 2018

0 Respuestas en Que é a formación bonificada?"