Formación en rede

Utilizar os propios dispositivos móbiles para as clases

Descubrín nestes días que existe unha tendencia no ámbito educativo e noutros ámbitos, chamada BYOD, “Bring-Your-Own-Device” -Trae o teu propio dispositivo-. A verdade, cando lin sobre este movemento, rapidamente viñeron á miña cabeza as profesoras que asistían a semana pasada a un curso, que estamos impartindo, sobre Internet e ferramentas TIC na Educación.

Todas estas profesoras tiñan gran motivación por levar as TIC á aula e por saltar a Internet como espazo de referencia hoxe para aprendizaxe perooooooo…… Pero, era a palabra que pronunciaban despois de ver un vídeo de presentación sobre a actual realidade educativa vinculada á Internet e ás TIC.

Por que Pero?

Pero, porque non teñen formación suficiente para enfrontarse a estas novidades, Pero, porque non teñen recursos suficientes nas aulas, Pero polos recortes, Pero pola mala cobertura de rede, etc, etc, etc. E desde logo que tiñan razón, toda a razón. É máis, eu reforceinas dicíndolles que se non estaba a cousa ben que tampouco tiña traza de mellorar.

Díxenlles iso porque todo apunta nesta dirección. E como non hai nada mellor que asumir a realidade para pórmonos a traballar sobre ela, comezamos a reflexionar no grupo sobre cal sería a fórmula de conseguir obxectivos para acadar as aprendizaxes reais que nos propomos. Comezamos a falar de posibles: compartir ordenadores, bla bla e bla. E, sen ter noticia aínda disto, eu mesma comenteilles a posibilidade de utilizar elas os seus propios portátiles ou tablets e convidar ao alumando a traer os aparatos que tivesen na casa.

Nesta liña sorprendinme esta mañá lendo unha noticia de México sobre a extensión do BYOD, no sentido non só de permitir senón tamén de fomentar o uso responsable de dispositivos persoais na aula, sempre que sexan utilizados para a aprendizaxe, por suposto.

16 Decembro, 2014

0 Respuestas en Utilizar os propios dispositivos móbiles para as clases"