Somos moitas as persoas que formamos parte da docencia online as que nos preguntamos se se pode mellorar esa situación de soidade ante o perigo que senten algúns ou algunhas estudantes nos cursos online. No sistema e-learning o estudantado pasa a ser o centro e a presión sobre as persoas que cursan estudos en Internet é habitualmente maior que nos cursos presenciais.
A situación de illamento na que se realizan os cursos eleva o grao de frustración de xeito natural cando a cousa se pon difícil. Pero esta é unha causa entre moitas outras. Na miña experiencia unha das máis habituais é a frustración tecnolóxica. Ou sexa, o rexeitamento que experimentamos en espazos descoñecidos e descontrolados, como unha nova plataforma, un novo programa informático ou un novo entorno web.
Mais este tipo de obstáculos tamén poden converterse nunha oportunidade para aprender, porque o certo é que aprendemos cando se xeran novas necesidades para nós. É dicir, cando nos familiarizamos coas ferramentas que nos serán máis útiles nun futuro próximo.
Mais aínda así podemos intentar evitar algúns dos malos hábitos que como docentes ou persoas administradoras xeramos no sistema de ensino online, como por exemplo:
1. Adaptarnos como docentes ao noso novo rol docente:
Ao cambiar o papel do ou da docente ao de Guía deixamos de ser un elemento central de transmisión do saber para pasar a ser un apoio na aprendizaxe. Se enfocamos as nosas respostas e interaccións desde esta perspectiva poderemos contribuír a mellorar o achegamento do alumnado á materia exposta.
2. Intentar ser áxiles nas respostas:
Unha resposta tardía pode deixar de ter a funcionalidade requirida no curso. Por iso debemos administrar ben o noso tempo e colocar por orde de prioridade as tarefas diarias ás que nos enfrontamos como docentes.
3. Ter unha presenza habitual na aula:
O feito de estar conectados e conectadas plasma a participación da persoa docente que se completará co resto de tarefas propias do seu traballo. A función do novo ou nova docente en liña é como a dun adestrador, a nosa función é a de estar aí, orientar, guiar e acompañar. Como se estivésemos nun taller de aprendices así é como debe sentir o alumando a nosa presenza, con conexión asidua e dispoñibilidade áxil.
0 Respuestas en Ensino online sen frustración"