Formación en rede

Revolucionar o xeito de aprender

A educación está vivindo un proceso de innovación disruptiva que, co apoio das plataformas dixitais, revolucionará o xeito de aprender nas aulas e fóra delas.

Achegamos hoxe no noso blog este vídeo sobre a innovación disruptiva no ámbito da educación, na industria educativa. As persoas non estamos acostumadas a pensar que as escolas forman parte dun sector produtivo, dunha industria. Moita xente pensa que a educación é simplemente un servizo básico, que si que é e debe ser. Pero é moito e algo máis. É unha industria que dá a volta ao mundo en forma de ferramentas, contidos, ou aplicacións.

Para achegarnos a esta reflexión primeiro deberíamos preguntarnos: Que é unha innovación disruptiva?

Unha innovación radical que rompe co paradigma anterior. A educación está vivindo un claro proceso de innovación disruptiva que está cambiando profundamente o sector da educación e da formación.

O e-learning forma parte esencial disto como exemplo de que o coñecemento é ubicuo, que xa non identificamos o coñecemento como un ben escaso ao que só podemos acceder a través dun docente. Agora o docente é o noso apoio no medio que é Internet para aprender e formármonos. Aprendemos facendo e no medio no que vivimos e investigamos

Parece que no antigo sistema o alumnado tiña que aprender todo o mesmo día e á mesma hora. Pero, pensades que é así na aprendizaxe a través de cursos en liña, por exemplo? A resposta rotunda é, por suposto, non. Na plataforma dixital, cada quen aprende ao seu ritmo e de xeito personalizado aínda que esteamos todo un grupo no mesmo curso.

Nós, que formamos parte deste tímido e incipiente entramado da educación e a formación no medio dixital, atopamos de interese motivar a reflexión sobre este novo paradigma educativo no que teremos que traballar para sacar adiante as propias apostas. E animámosvos a aproveitar as novas ferramentas, aplicacións e contidos xerados neste novo contorno dixital.

29 Outubro, 2014

0 Respuestas en Revolucionar o xeito de aprender"